Flaneando…

Posted on Updated on

desde o noroeste do suroeste  (Miño arriba, Miño abaixo)

onde vexo as cousas que me gustan e as que non;

onde os camiños rematan (en Fisterra);

onde habita a razón e migran os afectos.

perfil

 

Advertisements

A estrea de “A cabeza do dragón”. Valle-Inclán tamén acouta en galego

Posted on Updated on

A recente e excelente exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936) do Consello da Cultura Galega, comisariada por Rosario Mascato, evidenciou a proxección universal e a recepción internacional da obra literaria de Valle-Inclán. A medición dos ecos interculturais dun texto indican que a tradución non é apenas un exercicio meramente instrumental para favorecer a incorporación de novos lectores, superando as balizas lingüísticas. É, ante todo, un acto de apropiación cultural. Por iso, non deixaba de ser unha eiva que Valle fose representado en francés, inglés e portugués e estivese vedado ao repertorio autorial das compañías teatrais galegas.

Que o encontro se producise non podemos deixar de celebralo.

Na lóxica invertida dos inescrutables camiños da nosa cultura, a normalidade dun feito excepcional chegou da man dunha compañía que se fai chamar de Excéntricas. Hai que agradecer que a dirección artística de Quico Cadaval nos devolvese un Valle-Inclán nada tópico e concibise un espectáculo á altura da dimensión simbólica do evento, como manifestaron os recoñecidos aplausos do público que abarrotou o Principal na estrea da obra.

Por iso, é preciso salientar que, á marxe das importantes circunstancias que rodearon o espectáculo, A cabeza do dragón é unha excelente montaxe escénica de Valle-Inclán, que consegue recoller as principais achegas da estética dunha obra estrafalaria, como é esta farsa infantil, para educación de príncipes. Así a titulou o autor, sempre atento á renovación dramática e á apropiación da vangarda artística. A utilización dunha linguaxe teatral actual que reproduce a plasticidade visual dos dramas de Valle é o principal acerto da proposta de Excéntricas.

A incorporación de elementos da danza e da interpretación mecanizada do teatro de monicreques marca esta sátira política e social que se coa na mitolóxica temática dos tradicionais contos de reinados, fadas, princesas e dragóns, a través dunha importante aposta pola xestualidade. A escenografía de A cabeza do dragón expresa o talento creativo, sobre un integrado xogo de música, iluminación e disposición escénica, evocando o mundo fantástico e alegórico da peza. O espectador termina proxectándose na distorsión estética que fai dialogar cabaleiros, bufóns e dragóns co grotesco coro de moinantes, espadóns e taberneiras, que no palco do Principal se expresaron co xesto ridículo e absurdo, que caracterizará a estética deformada do esperpento.

Esta actualización intelixente do teatro de Valle, quer nos elementos discursivos, escénicos e interpretativos, aínda que respecta a integridade do texto dramático, xoga a crebar as expectativas do espectador, en relación aos códigos tradicionais apuntados. Cómpre destacar, polo impacto que xera a súa aparición a metade de obra, a interpretación da Infantina Blancaflor, cuxa previsible caracterización se subverte co impacto intercultural da mestizaxe e a magnífica interpretación de Yelena Molina.

No debe desta primeira representación, talvez se pode apuntar a utilización nalgúns momentos de certa sobreactuación na interpretación do cómico e o grotesco, que, se ben son favorecidos polo aplauso inmediato do público, desvíanse da sobriedade expresiva e do equilibrio humorístico no que se apoia a farsa valleinclaniana. 

A cabeza do dragón é unha montaxe de factura coral, mais con pegada de autor. Así o evidencian as intervencións de Quico Cadaval, ao inicio da peza e antes de dar paso á última escena. A presenza no palco do polifacético director, ora como duende, ora como narrador das didascalias proxecta esa percepción demiúrxica, potenciada polo parecido físico con Valle-Inclán.

A integración das didascalias no texto escénico comeza, de feito, a ser unha estratexia con certa recorrencia nas montaxes de Valle. Tanto José Luis Alonso, como César Oliva ou Manuel Guede optaron anteriormente por este recurso escénico, xa fose a partir dunha voz coral, xa incorporando a Valle como personaxe.  A subordinación en escena do texto dramático ao narrativo proxecta a sensación do autor, que move os fíos das personaxes, como deixara debuxado Maside, nunha caricatura a propósito da estrea de La cabeza del Bautista, en 1925 en Vigo: do brazo manco de Valle pendían os fíos do monicreque da Pepona, aquela salomé grotesca da comedia macabra.

En definitiva, a opción de introducir as paratextuais didascalias no escenario reflicte a concepción metateatral e estetizada de Valle e favorece a comprensión dos seus textos dramáticos, creados a partir de complexos palimpsestos discursivos e culturais.

Arriscou, polo tanto, Producións Teatrais Excéntricas con esta estrafalaria peza, simbolicamente estreada aínda cos ecos non acalados do Antroido. Acolléndose ao dominio público dunha obra de alcance internacional, fixo posible a incorporación do máis universal dos nosos dramaturgos ao patrimonio teatral expresado en lingua galega.

Será a primeira das tres estreas programadas para este ano: á volta de abril espérannos os esperpentos de Martes de Carnaval dentro da programación do Centro Dramático Galego.

A función acaba de comezar. Show must go on.

Artigo publicado en Sermos Galiza.

2016: ano Valle-Inclán

Posted on

O 2016 que está a piques de rematar conmemorou os 150 anos do nacemento de Valle-Inclán. A Cátedra Valle-Inclán da USC, a Fundación Valle-Inclán e o Consello da Cultura Galega programaron interesantes iniciativas, con algunha das cales tiven a oportunidade de colaborar (tomo I da Obra completa da Biblioteca Castro e nº 5 da revista Bradomín).

A Universidade do Minho, dentro do programa dos 40 anos do Instituto de Letras e Ciências Humanas, tamén participou das celebracións acollendo a exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traduzido. Representei ao ILCH, na condición de vice-presidente, na sesión de inaugural, cuxo discurso de abertura divulgo a continuación.

apresentacao-valle-inclan-traduzido-braga

mosaico-valle-inclan

Aulas na Queen Mary University of London

Posted on

Esta semana  estarei de  profesor visitante, dentro do programa erasmus, na Queen Mary University of London. Hoxe  tocou falarlles de Valle-Inclán  aos  estudantes da QMUL.

img_20161206_130142.jpg

Novas andanzas do pícaro

Posted on

Hoxe, estaremos en Aveiro, falando do pícaro contemporáneo. De cidades masificadas, de paradigmas literarios e de personaxes pedestres.

 

img_20161129_074448.png

O sistema Celga

Posted on

Co gallo da nova lexislatura en Galicia e os desafíos diversos en materia de política lingüística, deixo a presentación dunha conferencia que impartín en 2012 nunhas xornadas organizadas pola CTNL, sobre o sistema Celga. Sobre a arquitectura política, administrativa e lingüística da proba. Sobre os fundamentos avaliativos que a sosteñen e sobre os desafíos pendentes que naquel momento tiña.

Presentación en PDF: o-sistema-celga

Tamén o artigo que, a este propósito, escribín para un monográfico do xornal Sermos Galiza: os-celga-na-encrucillada

celga

 

 

Balaídos en color

Posted on Updated on

Baixan revoltas as augas por casa Celta e o lío está instalado en Río, como diría a Foliada da Roda. Cando todo parecía transitar por augas tranquilas (xestión rigorosa, éxitos deportivos, canteira) ese Sísifo que levamos incorporado os celtistas instalou entre nós a enésima crise de identidade. Bátese, xa que logo, a cousa entre os difíciles equilibrios da parte empresarial, que toda a S.A.D. conleva, e o conxunto de afectos, identidades e adhesións que comporta un equipo de fútbol. Para quen é afeccionado, claro está.

Nada, porén, ao que non esteamos afeitos. Este ano cumpriuse un cuarto de século desde que asisto con puntualidade quincenal a Balaídos, período no que contemplei case un terzo da historia deste club: crises dos avales, suspensións de pagos e descensos, que supoñen o auténtico test de estrés da bancada. Da man de meu pai, presenciei por primeira vez un partido en Balaídos no ano 1979, o Celta perdía contra o Atlético de Madrid e baixaba a segunda. Quedaba eu debidamente iniciado e instalado na adversidade celeste. Porén, malia ao branco e negro da tele da época e as fotos cincentas do Faro de Vigo con que rexistramos a lembranza sentimental daquela época, a memoria quebradiza do neno que era, conserva o xogo de cores que daban vida a Balaídos aquel día.

Construímos nese fío condutor de memoria e resistencia, a identidade do noso celtismo. Asúmese a mercantilización do club, lóxica e necesaria, pero non a súa desnaturalización. O valor simbólico da afección que fixo posible a permanencia do 4% ten que ser un valor ponderable no voluble mercado no que xoga o noso equipo. Así como o significado social, deportivo e cultural do Celta en Galicia.

O negocio está na tele e nos medios, pero o espectáculo no campo. Se o fútbol moderno se empeña en exportar unha afección de cartón pedra  que decora o entretemento con pipocas do sudeste asiático, con cánticos enlatados da Rianxeira, ben pode estar matando a galiña dos ovos de ouro. Un fútbol sen a emoción e o ui! dos minutos do desconto é como un teatro coa platea vacía que viaxa a ningunha parte.

Asistimos, no entanto, satisfeitos, a un celtismo renovado e rexuvenecido, que se expresa sen complexos nos xogos dos cativos, que exhiben en prazas e canchas de barrio as camisetas celestes como cometas ao vento. Transmitimos celtismo abrazando unha identidade que nos compense de glorias pouco laureadas, e coa satisfacción de levar da man aos nosos pequenos, que algún día tamén fomos, para que descubran o branco e o celeste, como as cores máis vivas que pintan o céspede de Balaídos.

Artigo publicado en Sermos Galiza

valdo-gudelj

Congreso Internacional “El arte de contar”

Posted on



Mañá estarei na Universidade de Alcalá falando de microrrelato e campo literario: de prólogos, antoloxías e demais microcousas. Tamén de LM Díez e JM Merino, naturalmente.

img_20161019_150139 nu